Monday 20 de May de 2024

A Xunta informa aos concellos da provincia da Coruña da nova convocatoria das axudas para a promoción da igualdade cifradas este ano en 4,2 millóns de euros


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvencións
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron unha xuntanza cos responsables e persoal técnico dos 93 concellos da provincia para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, publicada o pasado día 22 no Diario Oficial de Galicia (DOG). Concretamente, ao abeiro desta convocatoria a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia, integrada por 81 centros dos que 29 pertencen á provincia da Coruña.

Estas axudas contan cun orzamento este ano de máis de 4,2 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo, e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos. Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións 70 concellos da provincia da Coruña recibiron 1.275.328,93 euros.

A resolución que se vén de publicar no DOG engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior:
• Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
• Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
• Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións acadadas nalgún destes tres programas.

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos beneficiarios tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Unha novidade da convocatoria deste ano é que esta liña tamén financiará os “bancos de tempo” coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 525.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos. Na pasada convocatoria, as entidades coruñesas recibiron a través desta liña 206.000 euros.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. O pasado ano as entidades da provincia beneficiáronse de máis de 4.700 euros ao abeiro desta liña de axudas.

E finalmente, está o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), que é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 3.370.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Na anterior convocatoria, os CIM da provincia recibiron 1.064.572,93 euros.

Esta liña de axudas ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos nestes centros de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.